lunes, febrero 12, 2007

Luis Gozalez Tosar, Alejandro Finisterre

martes 13 de febrero de 2007
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR
extramuros
Alejandro Finisterre
Viña fuchicando na radio do coche e, de repente, saiu ao aire unha cadea local. A voz espelida da locutora informou sobre o falecemento -o sábado, na súa casa de Zamora- de Alejandro Finisterre e a posterior interviú con alguén achegado ao defunto. Fiquei atordado un par de minutos. Mais, no intermitente ir e vir da emisora, puiden comprobar que fora eu quen lle presentara a Alejandro Campos Ramírez ao historiador convidado. Foise a sintonía e non puiden recuperala. Aparquei para chamar a María Herrero, a súa viuva, quen me confirmou a noticia.
Ao primeiro que escoitei falar de Alejandro Finisterre foi a Luis Soto, a comezos dos oitenta. O infatigable mestre de Vilanova dos Infantes gababa ao polifacético exiliado e atribuíalle, con razón, unha xenerosidade e unha entrega total á causa republicana. Pasaron moitos anos e un bo día, en Barcelona, no Festival poético do Ajuntament da cidade Condal, tocoume compartir mesa e micrófono, no fermoso marco da Praza Sant Felip Neri, preto da Catedral, con Alejandro Finisterre. Na posterior recepción, ofrecida polo alcalde, daquela Joan Clos, simpatizamos e quedamos íntimos.
O día 13 do pasado decembro chegaron a Compostela el e a súa compañeira, nunha ambulancia medicalizada, para asistiren ao Iº Encontro internacional de escritores organizado polo P.E.N. Asistiron a todo e Alejandro, a pesar da súa saúde decrebada, exerceu de decano da xuntanza. Fixo a súa intervención en Vilanova de Arousa, no Pazo do Cuadrante; valleinclanesca, xenial. Abrazámolo todos; desde o mexicano Luis Emilio Pacheco, de quen fora editor, até Xosé Luis Méndez Ferrín, que o coñecera en México, na homenaxe a León Felipe do 74, Manuel Rivas, Víctor F. Freixanes... Quédome con aquelas apertas, co Alejandro libertario que lle legou as cinzas ao Duero; para que ninguén plantase ingratos salgueiros localistas na súa campa.

No hay comentarios: